Saturday 27 de April de 2024

Xornadas de xogos populares e carreiras de campo a través “Concello de Fene”


AO REDOR DE 650 ESCOLARES DO MUNICIPIO TOMARÁN PARTE NESTA ACTIVIDADE QUE ORGANIZA A CONCELLERÍA DE DEPORTES

Ao redor de 650 escolares do municipio tomarán parte dende mañá nunha nova edición das Xornadas de xogos populares e carreiras de campo a través que organiza a Concellería de Deportes de Fene. O mércores 27 de abril participarán na actividade os alumnos/as do CPI a Xunqueira e do CPR Jorge Juan, e o xoves 28 os do Ceip O Ramo, Ceip Os Casais e Ceip Centieiras.

As xornadas desenvolveranse en horario de mañá, de 10 a 13 horas, nas inmediacións do pavillón a Xunqueira de San Valentín. No caso de mal tempo, a actividade trasladaríase ao interior do pavillón.

Segundo explican dende a Concellería de Deportes, nesta nova edición das Xornadas de Xogos Populares e Carreiras de Campo A Través, os nenos/as feneses participarán en carreiras de sacos, actividades de salto (comba individual e colectiva), xogos de habilidade (zancos, pesca de botellas), lanzamentos (chave, rá), tiro de corda, brilé e carreiras de campo a través.

O Concello farase cargo do transporte do alumnado dende os centros de ensino ata San Valentín e do monitorado nas diferentes actividades. Tamén repartirá froita e auga a todos os participantes.

ENCONTRO INTERMUNICIPAL DE BASKET

Tamén se celebra este mércores, 27 de abril, un novo Encontro intermunicipal das escolas de baloncesto dos Concellos de Fene e Ares. A actividade desenvolverase no Pavillón da Xunqueira a partir das 17 horas.